Carta do Editor - Editorial Galaxia

editorialgalaxia.es

Carta do Editor - Editorial Galaxia

Activos de coñecemento,

horizontes de futuro

V ÍCTOR F. F REIXANES

Antón Patiño. Ícaro, 1991

CARTA DO EDITOR

AAsociación de Bolseiros da Fundación Barrié de la Maza,

integrada por máis de setecentos beneficiarios de distintos

programas desta entidade, organizou en novembro de 2010

un encontro, foro de debate ou plataforma de reflexión á que acudiron

investigadores mozos: persoal cualificado no ámbito da investigación

residente dentro e fóra do país, comprometido co futuro

de noso. Daquela nacían os Diálogos 01, principio dunha serie de

palestras arredor de cuestións que nos preocupan (e que deberían

ocuparnos).

Este primeiro foro, ao que damos cabida nas seguintes páxinas,

articulouse arredor dunha cuestión que nos parece de vital interese:

“Como mellorar a capacidade investigadora en Galicia?” Tal era a

pregunta. Pensar Galicia dende as novas xeracións, profesionais formados

no ámbito da I+D+i, e ao mesmo tempo concibir a investigación,

a tecnoloxía e o coñecemento científico coma un activo

cultural, fundamental para calquera formulación de desenvolvemento

futuro.

O encontro configurouse en cinco grandes apartados: 1) a investigación

como valor, 2) a innovación, 3) educar para emprender, 4)

modelos de investigación, e 5) competitividade da investigación en

Galicia. Abofé que non se esgotaban as cuestións nin as preocupacións

que este ámbito suxire, pero as grandes liñas estaban formuladas.

A metodoloxía para os encontros foi a seguinte: a Asociación

de Bolseiros fixo un chamamento aos seus socios para que formasen

grupos de reflexión/debate en función da súa especialidade ou

ámbito de traballo sobre as cuestións propostas. Arredor de trinta

bolseiros animáronse a documentarse, debater e reflexionar sobre

estes temas e, durante dous meses, reuníronse en diferentes lugares

(Vigo, Barcelona, Estados Unidos, Alacante) para preparar unha

posta en común sobre cada un dos bloques. O obxectivo era presentalos

e debatelos con expertos invitados pola Asociación no

marco dos Diálogos 01, encontro que tivo lugar o 27 de novembro

de 2010 na Coruña, na sede da Fundación Barrié.

Ao debate asistiron sesenta persoas. Algo máis dun cento seguírono

a través da Rede. Os bolseiros presentaron o material, expuxeron

a visión que tiñan dos temas e debateron cos expertos. O

resultado é unha ampla visión sobre a investigación en Galicia na

actualidade, os seus condicionamentos e circunstancias, o seu horizonte

de futuro, as posibilidades do capital humano e dos recursos

dispoñibles, mesmo con propostas concretas que nalgúns casos os

participantes se arriscan a enunciar, todo dende a experiencia de

5


6

xente nova: unha nova xeración formada en condicións moi diferentes

das xeracións anteriores e mais que non renuncia ao seu país.

Nun anterior numero de GRIAL (175, xullo, agosto, setembro

2007) tratamos de “Ciencia e tecnoloxía na Galicia contemporánea”,

coincidindo co centenario da creación da Junta para la Ampliación

de Estudios en España (JAE), iniciativa da que se beneficiaron

numerosos bolseiros galegos no ámbito da ciencia e das humanidades.

Foi aquel un esforzo importante para a modernización da sociedade

española no ámbito científico, académico e universitario, que

rematou en 1936, mais que nacía do espírito histórico da Ilustración,

segundo o cal a cultura, a ciencia e o coñecemento son factores

básicos para o desenvolvemento das sociedades.

Uxío Labarta, compañeiro de redacción e director do Consello

Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia, coordinara

aquel número, no que faciamos un percorrido pola ciencia e a

tecnoloxía da Galicia que saía do século XIX e entraba con azos

renovados nas primeiras décadas do século XX.

Catro anos despois daquel número de GRIAL, as circunstancias

dannos oportunidade de afrontar de novo estas cuestións, orientadas

desta vez cara ao futuro e dende unha realidade nova, certamente

distinta da precariedade e dos condicionamentos que

caracterizaban aqueles devanceiros (os bolseiros da JAE). Realidade

distinta, mais non por iso menos entrambilicada. A Galicia do século

XXI non é a mesma da Galicia do primeiro terzo do século XX,

afortunadamente. As nosas capacidades económicas, os nosos

recursos, a formación intelectual e científica da nosa xente (moi

especialmente as novas xeracións), o capital humano, a nosa realidade

política, o contorno en que nos atopamos (a democracia española

no marco da Unión Europea), a consciencia que a sociedade

ten de si mesma, etc., nada teñen que ver con aqueloutra Galicia de

antano. Pero que sexan circunstancias e condicionamentos diferentes

non quere dicir que os desafíos, os riscos e as dificultades sexan

menores. Quixeramos crer que tamén as oportunidades.

GRIAL acolle con especial interese esta proposta de Diálogos 01

que nos propoñen os encontros da Asociación de Bolseiros da Fundación

Barrié. Tal como explica na introducción ao monográfico o

arquitecto Antonio García Fernández, trátase de compartir ideas,

información, propostas e iniciativas arredor dunha cuestión vital,

dándolle voz a algúns dos implicados ou protagonistas: os investigadores.

¿Estamos facendo as cousas ben? Abofé que son mellorables.

Quen visite estas páxinas terá información e argumentos para

construír a súa propia posición perante o debate.

Trátase, en calquera caso, dun desafío histórico. No número de

GRIAL 175 ao que fixemos referencia, diciamos que “instalados na

chamada Sociedade da Información e o Coñecemento, resolver esta

cuestión [a nosa capacidade para xerar ciencia e coñecemento]

semella algo especialmente necesario, case deberiamos dicir que

urxente”. E engadiamos: “Non hai cultura sen ciencia. Na sociedade

competitiva do noso tempo, obrigados a administrar e potenciar

recursos propios na sociedade da globalización, prescindir desta liña

de actuación (tamén de actuación política) resultaría suicida”.

Sen querer entrar en demagoxias nin promover discursos apocalípticos,

que nunca foron a nosa vocación, a situación actual resulta

preocupante. Primeiro, polo contexto económico global en que

nos atopamos. Segundo, pola repercusión que este contexto ten na

sociedade galega, condicionada pola consideración que destas cues-

Fotografías: CSIC-Galicia


tións (a política científica, educativa e cultural) se veu facendo entre

nós nos últimos tempos, así como polas capacidades obxectivas de

reacción que poidamos ter. Terceiro, polas características do noso

entramado académico e os escasos espazos de investigación de que

dispoñemos. Cuarto, polas prácticas dominantes neses espazos

(tampouco moi desemellantes do conxunto da sociedade española).

Quinto, pola pouca consciencia do valor da investigación como

activo económico que ten o noso tecido empresarial. Sexto, pola

cativa estratexia de proxección exterior que nos caracteriza, aínda

que contrasta coa iniciativa emprendedora que os galegos teñen

cando se ven obrigados a saír fóra (emigrar). Sétimo, pola visión

curtopracista do discurso político, preocupado na obtención de

resultados inmediatos (case sempre votos) mais ca pola visión estratéxica

de futuro, característica esencial da investigación básica ou de

fondo. Etcétera, etcétera…

Unha parte moi importante da poboación universitaria máis

capacitada, na que se fixeron fortes investimentos económicos para

dotala de coñecementos, metodoloxía e recursos intelectuais coma

nunca tiveron as xeracións anteriores, vese obrigada na actualidade

a buscar futuro fóra do país. Algúns datos e argumentacións recóllense

nas seguintes páxinas, que se poden ler de dúas maneiras:

coma constatación dun fracaso ou, na medida en que se tome consciencia

do problema, coma unha esperanza ■

Durante a II República a educación e a investigación recibiron un importante impulso, tamén en Galicia, mesmo incorporando a muller ás novas

tarefas científicas. Na fotografía, alumnos e mestres no laboratorio da Estación de Bioloxía Mariña de Marín contra o ano 1933

Fotografía do libro Redes de coñecemento. A Junta para a Ampliación de Estudios e a ciencia en Galicia, CSIC, 2007

7

More magazines by this user
Similar magazines