Escritores mindonienses

edu.xunta.es

Escritores mindonienses

Unidade Didáctica

para Primeiro Ciclo

da ESO

• Unha cidade con historia

• Os centros de saber

• Os pioneiros

• Un nadal perpetuo

• Dacabalo de dous séculos

• Cunqueiro, o incomparable

• Outros escritores mindonienses do século XX

• O Mondoñedo literario actual


Así era

Mondoñedo

a principios

do século XX


Mondoñedo é unha localidade situada no norte da provincia de Lugo,

preto do Mar Cantábrico. É unha cidade histórica e, como tal, ten título rexio

concedido dende hai séculos e chegou a ser unha das sete capitais do vello

Reino de Galicia.

Foi dende a Idade Media un importante centro económico, social e

relixioso, o que fixo que alcanzase un grao de desenvolvemento cultural moi

importante en diferentes eidos: artesanía, gastronomía, educación…

Na actualidade segue a ser un dos enclaves de referencia da Mariña

lucense, principalmente pola súa historia e cultura, pois non en van deu a

Galicia e a mundo pintores, músicos, escritores e outros artistas de fama

universal.

AGORA TI

1.Procura nun mapa de Galicia a situación exacta de Mondoñedo. Investiga cal é a distancia que a

separa do mar e cal a que a separa de Lugo e logo tenta descubrir a cantos quilómetros se atopa do

lugar onde vives.

2.Busca información sobre o Reino de Galicia e as súas sete capitais. Intenta descubrir cales eran

esas sete cidades e durante canto tempo foron capitais do Reino.

3.Consulta unha enciclopedia ou calquera outra fonte de información en papel ou en internet e busca

baixo a voz “Mondoñedo”. Anota o nome dos artistas que figuren vinculados a esta cidade.


Edificio da Biblioteca

Seminario Santa Catalina

Instituto Ensino Secundario


Como centro de importancia do norte galego dende hai séculos,

Mondoñedo posúe distintos centros de saber nos que se atesoura boa parte do

seu legado histórico e literario.

O máis antigo e talvez o máis sobranceiro é o Real Seminario Menor

Santa Catarina, onde se formaron moitos dos grandes escritores mindonienses

e galegos dos séculos XIX e XX, pois nas súas instalacións impartíronse

sempre aulas e aínda seguen a darse clases na actualidade como centro de

ensino medio.

Do mesmo xeito, tamén o Instituto San Rosendo de Ensino Medio,

con máis de medio século de existencia, constitúe un dos centros de

ensinanza públicos máis antigos de Galicia de entre os situados en localidades

que non son capital de provincia.

Finalmente, a Biblioteca Pública garda unha das mellores

hemerotecas da contorna e nela poden consultarse coleccións dos moitos

xornais e revistas que chegaron a existir ao longo do tempo en Mondoñedo.

AGORA TI

1.Investiga cando foi fundado o Real Seminario e tenta informarte sobre personaxes destacados que

pasasen polas súas aulas.

2.Coa axuda do teu profesor, intenta coñecer o nome dalgún xornal ou revista que se publicase en

Mondoñedo e que escritores das nosas letras colaboraron neles.


Memorial que contén a

Relazón da carta xecutoria

A min chaman Todomira

señora do gran tesouro;

por estrela clarecida

xago neste Valedouro.

Mais traidor foi que un mour

o vilán que me vendeu

que de Lugo a Ribadeu

todos me tiñan temour

de min, a triste Frouseira

que por traición foi vendida,

derrubada na ribeira,

que xamais se veu vencida.

Fragmento do

Pranto da Frouseira

Ponte do Pasatempo

Festas Minervais de

1697


Un dos primeiros textos histórico-literarios relacionados con

Mondoñedo é a obra en prosa coñecida como Relazón da carta xecutoria,

onde se relata o axustizamento do Mariscal Pero Pardo de Cela a fins do

século XV, nobre que se enfrontou aos Reis Católicos en defensa dos

intereses galegos. Este relato incorpora tamén fragmentos en verso, como o

famoso poema “Pranto da Frouseira”, onde se transmite o laio pola traizón que

os propios homes do Mariscal lle fixeron revelando onde se atopaba agochado

para que puidesen prendelo e acabar con el os soldados dos Reis Católicos.

Mais os primeiros autores mindonienses de nome coñecido foron

Xosé Castillo Trigo e Lucas de Miranda Méndez de Cancio, escritores en

castelán e latín que participaron en 1697 nun volume colectivo dedicado a

Alonso de Fonseca, un dos fundadores da Universidade de Santiago, que

levou por título Festas Minervais.

AGORA TI

1.Busca información sobre o personaxe histórico de Pero Pardo de Cela. Descobre que era a

Frouseira e se aínda segue existindo.

2.Investiga que foron as Festas Minervais e procura descubrir porque levaban ese nome.


No século XVIII e primeiros anos do XIX en Mondoñedo, continuando

cunha tradición iniciada na Catedral de Santiago no século anterior, formouse

un importante grupo de cultivadores de vilancicos en galego ao redor da súa

catedral. Os autores máis coñecidos deste tipo de composicións foron Antonio

María de Castro e Neira (Mondoñedo, 1771-1826), os irmáns Luís Corral

Rodríguez (Mondoñedo, 1784-1830) e Xosé María Corral Rodríguez

(Mondoñedo, 1783-1843) e mais Xacinto Romualdo López e López Bolaño

(Ribadeo, 1808- Mondoñedo, 1895). Todos eles constitúen a que se coñece

como Escola de Cantores Mindonienses do Nadal.

Estes poemas narrativos, moi relacionados coa literatura de tradición

oral e os romances relixiosos, foron famosos non só no Mondoñedo e na

Galicia da época, senón que por aquel tempo foron cantados vilancetes en

galego polo tempo do Nadal en catedrais de diferentes lugares de España e

Portugal.

AGORA TI

1.Procura información sobre algúns autores de vilancicos importantes da Escola Compostelana do

século XVII. Busca tamén algúns datos biobibliográficos sobre os autores mindonienses que se citan

no texto.

2.Investiga que é un romance e como son os romances relixiosos. Compáraos cun vilancete e di en

que se che parecen e en que non.


Cunquiña deleitosa,

onde todo frolece, e todo medra;

recuncho que ós magoados dás

refolgos

co incenso da maleza

i a sombra dos seus soutos caladiños,

i a iauga das súas fontes, limpa e

fresca,

¿botarás algún día de entre os fiunchos,

e os infantes da veiga,

tanta limacha moura

como nila se atopa en donde quera,

e, fuxindo do sol, sempre arrastrados,

i a poder de rastrexo, a todo chegan,

e que todo che enliman,

cando todo no-adentan?...

¡Dios te libre da praga, e faiga logo

que o teu vale, Vatibria, limpo vexas

de cantos do teu comen,

e non sucan teu pan, nin nele segan!...


Ora ben o primeiro gran escritor da tradición literaria mindoniense é

sen dúbida o poeta Manuel Leiras Pulpeiro (Mondoñedo, 1954-1912),

quen, despois de estudar no seminario mindoniense, pasou a Santiago en

1870 a cursar Medicina, licenciándose en 1877. Como médico exerceu toda

a vida en Mondoñedo, onde morreu en 1912. Da súa autoría é o volume

poético Cantares gallegos (1911) e o estudo médico en coautoría con

Pastor Taladrid Pereira Apuntes para la geografía médica del distrito de

Mondoñedo (1910). Moitas outras composicións súas espalladas pola

prensa do país de fins de século XIX e primeiros do XX foron recollidas

polos distintos editores modernos dos seus textos, que tamén deron conta

da súa obra como traductor ao galego, como narrador e como poeta en

castelán.

A súa poesía abala entre o paisaxismo intimista doutros escritores do

XIX e a poesía social de forte denuncia antieclesiástica ou de carácter

patriótico.

AGORA TI

1.¿Coñeces algún outro libro dalgún outro autor galego que se titule tamén Cantares gallegos?

2. Procura poemas de Leiras Pulpeiro nos que se distinga a súa escrita paisaxista intimista, social

antieclesiástica e social patriótica.


PRÓS DA PAULA

Naide mellor que vosoutros

sabe, queridos paisanos,

que a penas si eu son un pobre,

insignificante bardo,

rudo para as “etiquetas”,

sin méritos pra agasallos.

Conste que baixei á vila

pola gratitú forzado;

e para ben persuadirvos

de que nin pra xuglar vallo,

procurarei (coa licencia

dos máis vellos), decir algo.

A Gaia Ciencia dos vates

que en Mondoñedo privaron,

por disposición do Olimpo

Leiras e mais eu a herdamos.

Particiós feitas, distintos

rumbos seguimos entrambos.

El gustaba da Mariña:

o seu numen soberano

vía “as cabezas erguidas

dos nove pinos do Castro”,

i encaraba, destemido,

os vagallós do mar bravo.

Á miña musa prestoulle

unha fadiña o refaixo,

i anduvo polos carreiros

dos montes coloreando...

Mentras foi pícara nova

pra ela non houbo descanso:

as airas das Coruxeiras,

de Cesuras os ribazos,

e de Romariz os felgos

i o Santo Cristo do adro,

poideran serme testigos

de canto a tentou o diaño...

Moza vedraia, cousiñas

humildes a embelesaron:

unha lágrima da aurora

antóxaselle un palacio,

i amárgalle non ser reina

para poder habitalo...

De presente, a miña xoia

ten moitos cabelos brancos...

Antes que as contas de alxófar,

impórtanlle as do resario,

e da Virxen dos Remedios,

que os da Paula idolatramos,

se aprouxima, coas maus dreitas,

os cos peíños descalzos,

triste, presentindo as noites

de inverno no campo santo...

Leiras e Veiga lle acenan,

e, raposiñando, os anos,

inda que terca resmunga,

fanna camiñar pra baixo...

Máis desque Dios a recolla,

i en pena dos seus pecados

nin fiíño de la quede

da fimbria do seu refaixo,

¿esquencerá Mondoñedo

os píncaros do Parnaso?

¿Non xerarán máis que ortigas,

solo rendirán samargos

ermos, que pra alcanzar rosas

de cen follas, desbravamos?

¿I ha desparecer conmigo,

vai a expirar nos meus labios

o gallego, esta faliña,

“Cristo das lenguas”, que exalto?

¡Mil veces non! Tentadores

ollos, que eclipsaran astros,

pedindo están novas liras,

farán nacer novos cantos...

I a Fala, ¡a floriña humilde

dos ermos!, o Idioma patrio

en que as fonteliñas rezan

e garulan os paxaros,

aínda máis que á rosa de ouro

¡que bendice o Padre Santo!

¡máis aínda, Pai do ceio,

o veneran meus paisanos!,

i ha ser sempre, cal noutrora

foi o numen do Rei Sabio,

prós desterrados, ¡suspiro!,

e prós opresores, raio.


O outro grande escritor mindoniense desta época histórica foi o tamén

poeta Antonio Noriega Varela (Mondoñedo, 1969-Viveiro, 1947). Como

Leiras, tamén se formou no seminario mindoniense e logo cursou estudos

de Maxisterio –que non rematou– pasando a actuar como mestre primario

en diversos lugares de Galicia. Ademais de moita obra poética en xornais e

revistas, publicou en volume o poemario Montañesas (1904), que,

aumentado e refundido, deu lugar a Do ermo (1920). Foi autor tamén dos

poemas De ruada (1895) e Leite fresco (1898) –logo incluídos nas

sucesivas edicións de Do ermo–, do prólogo “Un-has palabriñas” para o

libro Balsaminas (1899) de Arturo Sánchez Núñez, dun relato en galego

costumista e humorístico titulado “¡Vai torta!” (1904), do volume

paremiolóxico Como falan os brañegos (1928), e do cantigueiro popular A

Virxen y-a paisanaxe (1914).

A súa poesía repártese entre as composicións de carácter lírico, os

textos de natureza social, os poemas humorísticos e os de circunstancias.

AGORA TI

1.Procura no dicionario o significado de paremiolóxico.

2.Atopa poemas de Noriega Varela que exemplifiquen as distintas temáticas características da

súa obra.


De rapaz, con

seus irmáns

A Preguerra

Con vinte anos

Cos seus amigos Del Riego e

Carballo Calero

Moceando

Amor de auga lixeira,

Muiñeira.

Amor de auga

tardeira,

Ribeira.

Amor de auga frolida,

Cantiga.

Amor de auga

perdida,

Ña amiga.


Cos seus fillos

César e Alvaro

Doutor Honoris

Causa

Diante da

Porta Santa

A Posguerra e

a Democracia

Cos seus amigos Blanco Amor e Celso Emilio

Con varios familiares e amigos

Con Otero Pedrayo

En Mondoñedo

Con Risco

Coa súa irmá Carmiña


A obra


Instalados xa en pleno século XX viña ao mundo o máis importante

dos escritores mindonienses, Álvaro Cunqueiro Mora (Mondoñedo, 1911-

Vigo, 1981). Poeta, narrador, dramaturgo, ensaísta das máis variadas

temáticas, xornalista, nigromántico, periodista deportivo etc. etc. foi, todo e

máis, Álvaro Cunqueiro. A súa obra –políglota en canto á lingua, aínda que

principalmente bilingüe en galego e castelán– é un fito obrigado e punto de

referencia ineludible nas historias da literatura tanto galegas coma

españolas. O influxo do seu universo creador nos escritores galegos

posteriores foi importantísimo e o conxunto da súa obra é hoxe lida e

estudada como a dun clásico galego e universal. Títulos como Mar ao

norde (1932), Cantiga nova que se chama riveira (1933), Poemas do si e

non (1933), Dona do corpo delgado (1950), Merlín e familia (1955), O

incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1958), Escola de

menciñeiros (1960), Si o vello Sinbad volvese ás illas (1961), Xente de aquí

e de acolá (1971) ou Os outros feirantes (1979) constitúen a mellor

demostración da impresionante altura literaria deste escritor.

AGORA TI

1.Busca nalgunha fonte de información a que xénero pertencen cada un dos libros aquí citados.

2.Investiga sobre a faceta profesional de Cunqueiro: ¿que formación tivo?, ¿a que se dedicou

amais de a escribir ficcións?, ¿onde traballou?, ¿que relación tivo a súa dedicación laboral coa

súa escrita?


Celestino Cabarcos

Suárez

Daniel Pernas

Nieto

Xosé Crecente

Vega

Estatua da Fonte dos Pelamios

Xosé Trapero

Pardo Eduardo

Lence Santar


Moitos outros escritores notables formaron parte da escola

mindoniense no pasado século, ben por ter nacido no propio Mondoñedo

ben por terse formado nel ou vivir unha parte decisiva da súa vida alí. Entre

os máis destacados cóntanse os poetas e cóengos Celestino Cabarcos

Suárez (Alaxe, Ferreira do Valadouro, 1883-San Vicente de Lagoa, Alfoz,

1961), Daniel Pernas Nieto (Quende, Abadín, 1884-Mondoñedo, 1946) e

Xosé Crecente Vega (Castro de Rei, 1896-Segovia, 1948), o xornalista

Xosé Trapero Pardo (Castro de Rei, 1900-Lugo, 1995), o historiador

Eduardo Lence Santar (Mondoñedo, 1876-1960) e, sobre todo, o poeta e

tamén periodista Xosé Díaz Xácome (Mondoñedo, 1910-A Coruña, 1998).

Este último publicou sendo moi novo o seu primeiro

poemario, Primeiras cantigas do amor (1936), prologado polo seu amigo

Cunqueiro. Logo daría a coñecer títulos como Pombal (1963) e Muíño fidel

(1983) e dedicaría a súa vida ao xornalismo nos periódicos El Pensamiento

Navarro, Faro de Vigo e La Voz de Asturias.

AGORA TI

1.Investiga que obras publicaron os autores citados no primeiro parágrafo e indica a que xénero

pertencen.

2.Profunda na biografía destes escritores e tenta descubrir cal é a razón que levou a Mondoñedo

a aqueles que naceron fora desta cidade.


César Cunqueiro

Marina Mayoral

Antonio Reigosa


Na actualidade proseguen a tradición literaria mindoniense diversos

autores, mais tres nomes salientan de entre todos: César Cunqueiro

(Mondoñedo, 1941), Marina Mayoral (Mondoñedo, 1942) e Antonio Reigosa

(Zoñán, Mondoñedo, 1958).

César Cunqueiro, notario de profesión, publicou en galego a novela

Beatum corpus (1993), ademais do relato satírico “A morte de Nancy

Reagan” (1988). Como ensaísta literario publicou en 1991, ano no que se

dedicaba o Día das Letras Galegas a Álvaro Cunqueiro, varios artigos

sobre a figura de seu pai.

Marina Mayoral, profesora universitaria de literatura, é unha

destacada escritora tanto en castelán coma en galego. Na nosa lingua

publicou as novelas Unha árbore, un adeus (1988), O reloxio da torre

(1988), Chamábase Luís (1989), Tristes armas (1994), Ao pé do magnolio

(2004) e Case perfecto (2007), ademais do libro de relatos Querida amiga

(1995).

Antonio Reigosa, guía cultural de museo, é un dos autores

infantoxuvenís máis importantes da literatura galega actual. Entre os moitos

textos que leva publicados –grande parte deles relacionados coa nosa

literatura de tradición oral– destacan títulos como Memorias dun raposo

(1998), Resalgario (2001) ou Bacoriño (2004).

AGORA TI

1. Fai unha pequena investigación e amplía a información biobibliográfica destes tres importantes

escritores mindonienses actuais.

2. Investiga pola túa conta e tenta descubrir algún outro nome de autor mindoniense dos nosos

días.

More magazines by this user
Similar magazines