6 <strong>Sprint</strong> <strong>Motor</strong> >> Novas Lancia Thema: global e artesán Lancia estivo no Salón do Automóbil de Frankfurt (15- 25 de setembro) amosando varias das súas recentes creacións; a que nos ocupa nesta nova é a estrea do novo Thema. Sucesor do primeiro modelo de 1984, esta berlina de gama alta con grandes aspiracións quere converterse no primeiro vehículo emblemático global dirixido só ao cliente máis esixente. O Lancia Thema ten tres equipamentos a escoller (Gold, Platinum e Executive) e tres opcións en canto a motores: o gasolina 3.6 l V6 de 286 cv con cambio automático de 8 velocidades e os diésel 3.0 l V6 de 190 e 239 cv, ámbolos dous con cambio automático de 5 velocidades. Nado coa pretensión de ter máis personalidade, o Thema é en si mesmo unha dualidade pois di conter o espírito universal do americano unido á dedicación artesanal do feito en Italia... é esta antítese posible Haberá que agardar até outubro para ollar en fite ao novo Lancia Thema e tirar conclusións. Lancia Flavia Cabrio, a resposta do público Logo de presentarse “en sociedade” o pasado mes de marzo no Salón de Xenebra, Lancia optou por facer realidade ao Flavia Cabrio, un modelo con moi boa acollida por parte do público. As vantaxes dun cupé máis a liberdade achegada por un convertible, deron como resultado este Flavia Cabrio, un vehículo con espazo abondo para catro pasaxeiros e unha boa distancia entre eixos (276 cm). Este Lancia, cunha feitura elegante froito do estilo italiano, salienta por todos os lados: calandra inédita co logo da casa, lamias de aliaxe de 18 polgadas, pilotos traseiros LED, terminal de escape dobre e cromado, capota de tea de mecanismo eléctrico (que se recolle no interior do cubrecapota), materiais interiores de alta calidade, consola con marcos cromados, ampla pantalla central, volante con pel “pieno fiore”, cruise control, etc. En canto a equipamento, podemos dicir que é un “todo incluído” de serie, pois conta con: tapizaría de alta calidade, control electrónico de estabilidade (ESP) e da tracción, ABS de última xeración, airbags, ancoraxes Isofix, sistema multimedia Uconnect con navegador por satélite, equipo Hi-Fi Boston Acoustic Sound System, entre outros elementos. O Flavia Cabrio ten un motor de gasolina 2,4 litros de 175 cv con cambio automático de 6 velocidades. Lexus LFA, pola porta do éxito Lexus incorporou este verán un novo logro ao seu historial. En concreto, foi quen de acadar o mellor tempo da súa clase cunha unidade do modelo LFA no prestixioso circuíto de Nürburgring, Alemaña. A proba, que rematou nun tempo por volta de 7:14.64, constituíuse como a mellor maneira posíbel de dar a coñecer ao LFA Pack Nürburgring, que ten prevista a produción en serie para o vindeiro ano e que nos últimos tempos foi obxecto de diversas melloras de cara a subministrar unha actitude aínda máis deportiva en circuítos. O modelo, que se integrará nas 500 unidades de produción total da serie LFA, achega entre outras cousas: meirande presenza da fibra de carbono-plástico, CFRP, en elementos como os aleróns, que lle confiren un cociente aerodinámico maior. Asemade, presenta suspensións modificadas e rodas especiais para mellorar a manexabilidade e a estabilidade. A potencia, comparada coa da versión estándar LFA, é de 571 cv, sendo a precedente de 560 cv. Lembrar que este deportivo tivo a súa presentación no Salón do Automóbil de Toquio, en 2009, logo dun proceso de desenvolvemento que levou máis de unha década. O novo Lexus GS 450h Full hybrid será presentado por vez primeira no mundo o 13 de setembro no Salón de Frankfurt.
Novas