Un sueño llamado Soutomaior María Vinyals, 1910-1917

contidosweb

Na exposición "Un soño chamado Soutomaior: María Vinyals, 1910-1917" abórdanse de maneira monográfica os anos nos que Vinyals, o seu segundo marido, Enrique Lluria, e as súas fillas e fillos habitaron o castelo.

DIEGO PIAY AUGUSTO

UN SOÑO CHAMADO

SETE VIDAS BAIXO A SOMBRA DUN CASTELO

SOUTOMAIOR

1910 - 1917

CASTELO DE SOUTOMAIOR

Do 17 de decembro de 2019 ao 29 de febreiro de 2020


Durante o ano 1910 chegaron ao castelo de Soutomaior unha muller e un home que acababan de casar con dúas nenas

e tres nenos. Catro procedían de matrimonios precedentes, mentres que o quinto era o froito do amor entre dous

vellos amantes cuxo soño se fixera realidade. Os primoxénitos de ambos tiñan tan só 13 anos; o menor non cumprira

un ano de vida. A vetusta fortaleza representaba para toda a familia un novo comezo; e, a pesar das perdas que

afrontaran recentemente, miraban o futuro con optimismo, co estímulo de vivir nun lugar privilexiado.

Os anos que seguiron á súa instalación asistiron ás idas e vindas de dous mozos que estudaban en Londres; á

educación coidada das e dos máis pequenos e á consolidación dun proxecto que daría lugar ao nacemento dun

moderno sanatorio. O castelo de Soutomaior converteríase, ademais, nun centro de interacción cultural e artística no

que os ilustres propietarios recibirían numerosas personalidades da sociedade española do período.

O soño de habitar na antiga fortaleza medieval prolongaríase durante sete anos e extinguiríase definitivamente en

setembro de 1917.

Textos: Diego Piay Augusto

Coordinación: Comunicación Institucional/Turismo Rías Baixas.

Deputación de Pontevedra

Deseño e maquetación: Comunicación Institucional. Deputación de

Pontevedra e Alvarellos Editora

Tradución ao galego: Servizos Lingüísticos. Deputación de Pontevedra

Depósito Legal: PO 768-2019


O exemplo dunha nai

En 1910, María Vinyals e o seu segundo esposo, o doutor cubano

Enrique Lluria, chegaron ao castelo de Soutomaior acompañados

de dúas nenas e tres nenos. Roger, único fillo da parella, non

cumprira un ano; Antonio, fillo de María Vinyals e do defunto

marqués de Ayerbe, tiña trece, igual que Enrique, fillo do doutor e

da súa primeira esposa, a xa falecida Clara Iruretagoyena. Fillas

destes últimos eran tamén Emilia e Teresa, de doce e seis anos.

Sabedora da importancia dunha boa educación como a que o seu

tío, Antonio Aguilar e Correa, lle proporcionara, María Vinyals non

aforraría esforzos e recursos á hora de lle ofrecer á súa prole a

mellor formación posible.

Desde 1910, os mozos de maior idade, Enrique e Antonio,

trasladáronse a Londres para estudar no prestixioso Dulwich

College, do que regresaban cada verán. Emilia, Teresa e Roger

medrarían baixo o abrigo das murallas do castelo, onde a súa nai e o

seu pai se preocuparían constantemente pola súa educación.

«(…) non hai mellores amigos que os libros»

(María Vinyals a Mercedes Pérez Trigo, 1917)


O sanatorio Lluria

O 15 de xullo de 1913, baixo as árbores que rodean o castelo de

Soutomaior, unha gran festa congregou as figuras máis destacadas da

sociedade galega do momento e familiares e amizades de María

Vinyals e Enrique Lluria. Aquel día celebrábase a apertura oficial dun

moderno complexo hospitalario ideado polo doutor cubano,

especialista en uroloxía e discípulo dos ilustres Ramón y Cajal e

Joaquín Albarrán.

O centro adquiriría fama internacional no tratamento de

enfermidades do aparello urinario e do artritismo. As e os pacientes

eran trasladados ao sanatorio desde a estación de Arcade. Unha vez

ingresados, eran asistidos por enfermeiras vestidas con traxes

rexionais, e aloxábanse en confortables habitacións que dispoñían de

luz eléctrica e lavabos individuais. O centro dispoñía, ademais, de

servizo de telégrafo.

A pintoresca estrutura que un día albergou o sanatorio Lluria

álzase aínda hoxe nas inmediacións do castelo de Soutomaior e

acolle unha pousada.

«O seu mellor eloxio consiste en dicirche que todo nel me

sorprendeu, e é moito dicir, crendo como creo, que son os nosos os

mellores de Europa»

(Herman Minika, paciente alemán do sanatorio Lluria, Faro de Vigo, 3 de

abril de 1915)


Unha intelectual a través do tempo

A vida de María Vinyals foi rica en experiencias. De nova asistiu a bailes e eventos

en cortes estranxeiras, na idade adulta converteuse en conferenciante e referencia

do movemento feminista español, e na súa vellez experimentou os desgustos da

miseria e a perda dos seus seres queridos.

Todas as súas vivencias se atopan marcadas polos seus dotes culturais, a súa

claridade de ideas e as súas calidades innatas para disertar e escribir. Dela

conserváronse dous libros publicados en 1904 e 1905, e sabemos que traballaba

nunha obra sobre a vida do seu tío. Os seus innumerables artigos evidencian

amplos coñecementos de historia, arqueoloxía, moda, política, etnografía,

xeografía e sociedade.

O seu marido Enrique Lluria compartía as súas inquietudes culturais, políticas e

sociais, polo que entre 1910 e 1917 o castelo se converteu nun centro de recepción

de personaxes de gran relevancia como Joaquín Sorolla, Mariano Benlliure, Emilia

Pardo Bazán, Alfonso Castelao ou o famoso aviador francés Jules Védrines.

«Únanse pois, todos os elementos, calquera que sexan as súas ideas, en prol da

infancia desvalida, a muller humillada, envilecida, escarnecida, relaxada ata o

punto de ser instrumento do vicio (…)»

(María Vinyals, 1918)


O final dun soño

En setembro de 1917 María Vinyals e a súa familia

abandonaron o castelo de Soutomaior para sempre. O

inicio da Gran Guerra provocara a redución da clientela do

sanatorio, o que obrigou a familia Lluria a buscar novos

ingresos. Por outra banda, a presenza de Pablo Iglesias no

castelo en 1915 espertara o receo das autoridades cara ao

matrimonio Lluria, sendo quizais a orixe do desagradable

rexistro que a Garda Civil realizaría en agosto de 1917 na

antiga fortaleza. Pero as razóns foron, sobre todo,

económicas; xa que en 1915 María Vinyals e Enrique Lluria

solicitaran un préstamo en condicións pouco vantaxosas

que nunca lograrían pagar.

En 1917 o castelo sairía á venda en poxa pública, e Alberto

Dopazo Segade, un vilagarcián dedicado á compravenda de

propiedades, converteríase no novo propietario.

Abandonar Soutomaior marcaría o inicio da separación

daquelas sete vidas, que se materializaría en 1919 co

traslado do matrimonio Lluria e dos pequenos Roger e

Teresa a Cuba.

«En breve iremos a Madrid, renunciando a continuar illados

neste paraíso»

(María Vinyals a María de Maeztu, 1917)

More magazines by this user
Similar magazines