16.09.2020 Views

expo_vigo_queizan

Create successful ePaper yourself

Turn your PDF publications into a flip-book with our unique Google optimized e-Paper software.

Obra plástica

de María Xosé Queizán



CRÉDITOS

Deputación Provincial de Pontevedra

Presidenta

Carmela Silva Rego

Promove e patrocina

Coordinación

Deseño gráfico

Fotografía

Enmarcado

Montaxe

Deputación Provincial de Pontevedra

Ángel Escariz

Servizo de Comunicación da Deputación de Pontevedra

Sonia Daponte

Arte en Pau

Servizo de Arquitectura da Deputación de Pontevedra

Transporte Sacaferro, S. L.

Este catálogo publícase co gallo da exposición “Materiais para pensar, gozar e profanar.”

Obra plástica de María Xosé Queizán .

Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo

Sala Rosalía de Castro

Do 17 de setembro ao 29 de outubro de 2020

Impresión Tórculo Comunicación Gráfica, S. A.

Depósito legal PO 273-2020



A CONTINUA RENOVACIÓN DE QUEIZÁN

Este catálogo achéganos a unha María Xosé Queizán descoñecida

e amosa unha vez máis o seu talento creador e creativo e o seu espírito

innovador, sempre na procura de novas ferramentas artísticas para expresar

o seu compromiso social e as súas inquedanzas persoais que transcenden ao

tempo e ás xeracións.

Falamos de composicións sorprendentes, realizadas con total liberdade

a partir de materiais e obxectos cotiáns que a creadora transforma para

darlles un significado completamente novo.

Estamos ante a descuberta dunha nova faceta que complementa o

perfil xa de por si poliédrico desta pioneira da narrativa feminina en galego e

referente do pensamento feminista en Galicia.

Queizán é tamén unha namorada do teatro, da poesía e do cine e unha

magnífica oradora que agora nos descobre o seu talento para as artes

plásticas, coas que entrou en contacto sendo moi nova na Escola de Artes e

Oficios de Vigo.

Ao longo da súa dilatada traxectoria foi quen de expresar as súas ideas

e reflexións a través da arte no seu sentido máis amplo. Comezou a escribir

sendo adolescente para o xornal vigués El Pueblo Gallego, pero, como ela

mesma recoñece, nunca se puxo límites e mantivo sempre a súa curiosidade

por atopar novos medios para expresarse e seguir creando.

Foi así como hai unha década empezou a recompilar materiais para

darlles forma a estas inusuais obras de arte reunidas agora baixo o título

“Materiais para pensar, gozar e profanar”. Estamos ante unha creadora que

non deixa de reinventarse e de sorprendernos.

Carmela Silva

Presidenta da Deputación de Pontevedra



CON OUTRA MIRADA

Calquera realidade que vivo é fronteiriza coma min.

É a miña definición universal. Escéptica pero cómplice.

En todas son suxeita e teño corpo e conciencia.

Toda fronteira me compete.

Algo similar debe ocorrer cos materiais que traballo.

Mesmo se para a arte que estou máis dotada é para a música,

herdeira do oído das Vilas e do ritmo dun deus que é muller e negra,

e me ensinou a swinguear, xa de nena.

Cando empecei a estudar música no Conservatorio de Vigo non

pasei de segundo de solfexo e primeiro de piano. Na casa non había

posibles para un instrumento nin quen me animase a seguir esa vía.

A habilidade coas mans, ademais de contemplar a precisión e o

xeito das Vilas na cociña da casa, continuou no bordado, con ou sen

bastidor, dirixido por virxinais dedos de monxas.

Veu despois a ourivaría da man do anarquista e ourive Mareque,

profesor da Escola de Artes e Oficios, que me ensinou a modular co buril

o marfil ou darlle forma ao cobre onde encerrar os esmaltes cloisonnés. O

grande ourive seguiu habilitando as miñas mans para a precisión e o meu

carácter para a paciencia. Ignoro como o mestre Mareque me permitiu a

inútil teima de tallar un rostro no acibeche. Pois fíxeno.

Lembro como quebraba ante o impulso do buril un nariz imposible.

Podedes contemplar algúns dos meus logros nesa arte nesta exposición.


Aproveitei tamén a oportunidade de amasar o caolín, ou o pracer

de darlle forma no torno, nun curso de Sargadelos en Cervo.

Lembro que daquela imaxinei uns elementos de cerámica con

incrustacións de pedras e xoias.

Non fraguaron. Non seguín por ningunha destas rutas artísticas, nin me

deixei seducir por artes que non dominaba, con resultados imprevisibles ou

aleatorios.

O racionalismo impuxo en min o seu peso mental.

Houben cargar con el.

Saber, xa sabía, que me faría fetichista da palabra, material para pensar,

gozar, para xulgar ou cuestionar.

Decidín que a Lingua é o único corpo que me seduce e me pertence. O

meu verdadeiro corpo material.


Mais, desde a fronteira onde me fun instalando é obrigado

enxergar. Nunca perdín a curiosidade nin a imaxinación.

A vangarda ve arte no material. Ensina a mirar obxectos, fotos,

texturas rilladas, anacos de metal, espellos rotos de medo, gastados co

tempo, pesas, restos dun muro de pedra, salpicados con cachos de mica

nazi, luceiros espallados como lembranzas, antepasados con bandurra ou

dedal, dedos hábiles sen dúbida; e, sen querer, caín no lúgubre destino do

caedizo, decadente paso do tempo, que asume o resplandor efémero da

camelia caída no chan.

Despois de ollala, cómpre recollela, distinguila para poñela nun vaso

a pensar.

Se a camelia tivese mente estaría murcha de tanto cismar.

Toda “humilde beleza me namora”, dixo o gran poeta Noriega Varela,

a quen lle dirixín un poema no ano 1969, no da dedicación das Letras

Galegas: “Afastado da patria altiva, limitas a túa realidade a un vermiño

de luz”. Esta era a súa lección de humildade.

Mais a miña camelia recollida do chan botouse a rir até

esmendrellarse en futuristas caídas, folla aquí e folla alá, desordenadas

en planos cubistas.

Quen conseguirá darlle a definitiva forma de guitarra, e da,da,da,

ironizan os dadaístas. Na porta asoma o bigote surrealista de Dalí e di

que Gala vivirá sempre no balcón.

Pero non, a miña camelia que ri e ri chíscalle un ollo a Manuel

Antonio, que fai dela un barco para navegaren sós na “corda frouxa do

horizonte.”

Nesa corda frouxa entro eu a confeccionar estas materias,

convencida de que a vangarda acapara a beleza resistente no residual, no

caedizo e miserable.

Só o humor pode infundirlle alento e vigor.


Non sei en que momento, pero haberá 8 ou 10 anos, sen abandonar as

palabras, comecei a mesturar obxectos, caixas, materias de cartón, pedras,

cun sentido distinto.

Con outra mirada.

Para homenaxear a lámpada de filamentos, que xa non se fabrica e

que pasou á historia, o doutor Fleming, que desterrou a tuberculose, ou as

elegantes cuspideiras de bolso para uso individual e para evitar o contaxio da

tuberculose, en tempos nos que nos tranvías advertían: prohibido cuspir no

chan.

Obxectos varios ou diferentes persoas foron xurdindo e buscando a súa

maneira de presentarse cos meus pobres materiais e escaso oficio.

Así aparece o señor Antonio, acomodador do cine Fraga, en Vigo,

convertido en heroe coa súa nena no colo, a miña amiga Amanda Álvarez,

e salvando co outro brazo unha fermosa artista do ameazante asasino

introducido no cine.

Todo o Hollywood do momento sae con cadansúa pistola a salvalo.

Incluso Hitchcock chega cunha pa para recoller o morto.

O humor planea sobre a materia e eu paseino ben na realización. Xa

sexa desatascando o volcán, cos vampiros lembrando a corrupción ou a

crítica á pederastia e toda esa secuela infernal.

Desde a fronteira ideolóxica, desde a outra mirada, veñen estas obras,

estes obxectos, que lles presento non con fachenda artística pero si como

concepción do mundo, como materiais para pensar, gozar e profanar.

María Xosé Queizán


Obra plástica


















































Hooray! Your file is uploaded and ready to be published.

Saved successfully!

Ooh no, something went wrong!