09.03.2020 Views

Guía das aves do interior da provincia de Pontevedra

Esta guía, editada pola Deputación de Pontevedra en colaboración con SEO/BirdLife, ten o obxectivo de apostar polo turismo ornitolóxico non só para o gozo, senón para sensibilizar a poboación sobre a necesidade de conservar os seus tesouros naturais para o futuro, xa que coñecer e sentir a natureza e as súas aves nos sosega e nos fai felices.

Esta guía, editada pola Deputación de Pontevedra en colaboración con SEO/BirdLife, ten o obxectivo de apostar polo turismo ornitolóxico non só para o gozo, senón para sensibilizar a poboación sobre a necesidade de conservar os seus tesouros naturais para o futuro, xa que coñecer e sentir a natureza e as súas aves nos sosega e nos fai felices.

SHOW MORE
SHOW LESS

Create successful ePaper yourself

Turn your PDF publications into a flip-book with our unique Google optimized e-Paper software.



A NATUREZA DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA

A provincia de Pontevedra alberga unha gran variedade de espazos naturais valiosos e

fascinantes, desde as augas do océano Atlántico, que baten con violencia nas agrestes

costas peninsulares e insulares, ata rías, esteiros, chairas intermareais, enseadas, lagoas

litorais ou sistemas dunares que dan paso a suaves praias.

Tamén as zonas interiores da provincia contan con paraxes de extraordinaria beleza

e biodiversidade: serras altas, ríos, vales, praderías, turbeiras, bosques autóctonos,

mosaicos de campiña etc., sen esquecernos das súas vilas e cidades, que conforman

entre todos uns ecosistemas privilexiados para a observación máis diversa de aves.

Por todo isto a nosa provincia acolle a única Reserva Ornitolóxica de SEO/BirdLife de

Galicia, situada no concello do Grove, que ademais é a reserva ornitolóxica máis grande

de España e a única que conta con medio mariño.

A Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO/BirdLife, www.seo.org) é a ONG científica

e conservacionista máis antiga de España, dedicada ao estudo, a conservación e a

divulgación das aves e a natureza. Con BirdLife Internacional está presente en 121

países, traballando por un mundo rico en biodiversidade no que o ser humano e a

natureza convivan en harmonía.

Esta guía, editada pola Deputación de Pontevedra en colaboración con SEO/BirdLife,

ten o obxectivo de apostar polo turismo ornitolóxico non só para o gozo, senón para

sensibilizar a poboación sobre a necesidade de conservar os seus tesouros naturais para

o futuro, xa que coñecer e sentir a natureza e as súas aves nos sosega e nos fai felices.

OBSERVACIÓN DE AVES

Para gozar das nosas saídas ornitolóxicas ao campo é recomendable levar uns

prismáticos (de 8 ou 10 x 42 aumentos) ou un telescopio terrestre se imos identificar

aves a longa distancia e nun punto fixo de observación. Tamén se recomenda levar un

caderno de campo en papel ou dixital para anotar aquilo que nos resulte de interese,

así como a guía de aves.

A ou o observador debe ser o máis discreto e silencioso posible e, sobre todo, debe ter

unha conduta ética tanto coas aves coma cos seus hábitats. Un bo comportamento fai

que a persoa observadora de aves se converta nunha embaixadora da conservación.

1


IDENTIFICACIÓN DUNHA AVE

Para identificar correctamente unha especie teremos que prestar atención aos seguintes

aspectos:

Tamaño. É a primeira pista. Tomaremos como referencia aves de tamaño coñecido (pardal,

pomba, aguia) e compararemos o tamaño da que estamos a observar coas que coñecemos

para determinar se se trata dunha ave pequena, mediana ou grande.

Hábitat. Aínda que hai aves que poden vivir en ambientes moi diversos, xeralmente a

zona na que nos movemos elimina un certo número de aves que nunca a frecuentan. Por

exemplo, os cullereiros non aparecen nas montañas nin as perdices na praia.

Época do ano. Terémola en conta para descartar un gran número de especies que nos visitan

durante un período concreto. Algunhas só as poderemos observar durante a primavera e o

verán, outras no outono e no inverno, e algunhas durante os seus pasos migratorios.

Conduta. Durante a época nupcial, ao alimentarse ou nos seus voos, hai aves que presentan

comportamentos moi característicos. Por exemplo, o voo circular a media altura do miñato.

Proporcións. A forma e as proporcións do corpo tamén nos axudan. Por exemplo, as pegas

teñen a cola moi longa. A forma do bico, a lonxitude das patas e o pescozo ou a forma das

ás son tamén caracteres moi útiles.

Marcas e cores. Moitas aves teñen marcas de cor, coma o babeiro negro do macho de

pardal, que nos axudan na identificación. É un aspecto que pode cambiar dependendo das

condicións de luz, a idade e o sexo das aves, polo que é aconsellable certa cautela.

Forma do voo. Observar como voa unha ave (recto coma o picapeixe, ondulante coma unha

lavandeira, en zigzag...) facilita a súa identificación.

Canto. Cada especie ten o seu canto ou reclamo diferente. Coa práctica aprenderase a

recoñecelos. Hai diferentes recursos (apps, webs, CD...) que nos axudarán a familiarizarnos

con eles.

2


TOPONIMIA DUNHA AVE

3


COMO USAR ESTA GUÍA

Nos apuntamentos sobre cada especie aparece o nome vulgar (galego, castelán)

seguido do nome científico. A continuación, inclúese unha breve descrición sobre a ave:

características morfolóxicas máis representativas e algunhas indicacións sobre a súa

bioloxía, o hábitat ou a época do ano na que é posible a súa observación. Esta descrición

vai acompañada dun debuxo que facilita a súa identificación.

Ao longo da guía empréganse unha serie de símbolos e notas:

SEXO:

♂ Macho

♀ Femia (en moitas especies os exemplares novos son case idénticos ás

femias adultas; nestes casos, xunto ao símbolo de femia, engádese

xuv. entre paréntese)

STATUS FENOLÓXICO. CANDO APARECE A AVE?

n Residente, reprodutora

n Estival, reprodutora

n Invernante, non reprodutora (as inmaturas poderían estar presentes todo o ano)

n Presente en paso migratorio

PLUMAXE:

Ad.: adulta

Xuv.: xuvenil, ave con plumaxe medrada no niño e aínda sen mudar.

A primeira muda ten lugar nun momento variable, desde unhas semanas

tras abandonar o niño no verán (paxaros pequenos) ata case un ano

despois, a finais do inverno (grandes rapaces)

Inm.: inmatura

Inv.: plumaxe de inverno ou non reprodutora. Algunhas aves presentan unha

plumaxe diferente segundo a época do ano. De forma sinxela, podemos dicir

que aparecen plumaxes de inverno (apagadas) e plumaxes de verán (máis

vistosas) cun obxectivo claro: a reprodución

Rep.: plumaxe reprodutora (ver máis información en inv.)

4



n Lavanco. Ánade azulón

Anas platyrhynchos

O único pato regular. Os machos teñen a cabeza e

o pescozo verdes metalizados e colar branco, as

femias son pardas. En ambos os sexos o espellete é

azul intenso. É reprodutor en todo tipo de ambientes

acuáticos. En período non reprodutor chegan, ademais,

aves doutros países.

n Perdiz. Perdiz roja

Alectoris rufa

De cores vistosas, foxe á carreira. Cun voo raso e

vibrante, póusase enseguida. Móvese por cultivos de

secaño e matogueira aberta. Come herba, sementes e

insectos. Cada ano sóltanse aves de granxa en moitos

territorios de caza.

6

n Paspallás. Codorniz común

Coturnix coturnix

Ave pequena ligada a medios abertos e migrante de

longo percorrido. O seu deseño críptico faina difícil

de ver, pero delátaa o seu canto “pas, pa-llás” que

emite agochada nos pasteiros. A caza abusiva e a

transformación do seu hábitat son algunhas das súas

principais ameazas.


n Garza real. Garza real

Ardea cinerea

É a garza máis regular, de gran tamaño e tons grises e

negros. A súa silueta ao voar caracterízase polas súas

longas patas e o pescozo repregado; queda inmóbil

sobre augas pouco profundas e utiliza o seu bico a

modo de arpón, o que sorprende os peixes dos que

se alimenta.

ad.

inm.

n Corvo mariño grande. Cormorán grande

Phalacrocorax carbo

Ave grande de cor negra e aspecto robusto. A

diferenza da maioría das acuáticas, as súas

plumas móllanse con facilidade, polo que abre as

ás para secalas nas rochas ou nos postes. Pódese

observar en ríos e encoros.

n Miñato abelleiro. Abejero europeo

Pernis apivorus

Rapaz de tamaño medio ligada a áreas boscosas.

Parecida ao miñato pero coa cabeza máis pequena

e a cola máis longa, cunha franxa terminal escura e

dúas franxas máis estreitas na base.

7


n Voitre común. Buitre leonado

Gyps fulvus

Moi grande e de rechamante envergadura, con

cores pardas e leonadas no corpo. Ao voar bate

as ás lentamente, coa cola curta redondeada e

o pescozo branco recollido; ascende en círculos

grazas ás correntes térmicas. Descansa en

rochedos. Ultimamente son regulares nas serras

da Dorsal galega.

n Aguia cobreira. Culebrera europea

Circaetus gallicus

Rapaz forestal de gran tamaño e partes inferiores

brancas con apincarado variable. Ten a cabeza grande

e os ollos amarelos. Para cazar mantense no ar

movendo as ás lentamente. A súa principal fonte de

alimento son os réptiles.

8

n Aguia calzada. Águila calzada

Hieraaetus pennatus

É a aguia de menor tamaño, con formas estilizadas;

recoñecible polo deseño branco e negro das súas ás

longas e estreitas ao voar e a cola longa e angulosa.

Pode presentar dúas fases de coloración moi

diferentes. Frecuenta zonas boscosas e monte baixo.


n Gabián. Gavilán común

Accipiter nisus

Pequena rapaz forestal con gran capacidade de manobra

e aceleración para voar entre as ramas do bosque detrás

de pequenas aves. As súas ás son curtas e redondeadas

e a súa cola longa. A femia é notablemente maior que

o macho.

n Azor. Azor común

Accipiter gentilis

Cazador forestal potente e discreto, moi parecido ao gabián

pero máis grande, polo que pode atrapar presas medianas.

Posúe ás curtas, anchas e redondeadas e cola longa, que

o dotan de gran mobilidade na espesura. O macho é máis

pequeno que a femia.

n Gatafornela. Aguilucho pálido

Circus cyaneus

Rapaz de sobrecú branco e tamaño medio,

algo máis grande que a tartaraña cincenta. O

macho é gris coas ás pálidas e a femia parda.

Ten ás estreitas e longas coas puntas negras.

Voa a baixa altura coas ás en forma de “V”.

Pouco común e en descenso, frecuenta áreas

abertas e cultivadas das serras.

9


n Tartaraña cincenta. Aguilucho cenizo

Circus pygargus

Grácil e estilizada, co sobrecú branco, as ás longas, estreitas e con puntas negras e a cola moi longa. O macho é

gris cinza con barra negra, ventre máis claro e manchas castañas; a femia é marrón. Son frecuentes os exemplares

melánicos. O seu voo é baixo e lánguido, e plana coas ás en “V”. Está presente en espazos abertos con cultivos

e zonas de vexetación baixa. A súa situación é complicada polo seu declive poboacional debido, na súa maior

parte, á destrución dos hábitats, ao uso de praguicidas, aos cambios dos usos agrícolas e ao abandono do rural.

10


n Millafre negro. Milano negro

Milvus migrans

Rapaz estival de mediano tamaño, plumaxe marrón

apagada e cola forcada. É unha especie adaptable que

habita en medios forestais e ten hábitos alimentarios

oportunistas. Adoita estar ligada a cursos fluviais e

encoros.

n Miñato. Busardo ratonero

Buteo buteo

Moi frecuente nos nosos campos. De corpo compacto

e plumaxe algo variable, desde o pardo escuro ata

tons máis claros. Aliméntase principalmente de

roedores, que axexa desde un poste ou unha rama. É

habitual velo voar en círculos a media altura.

n Pomba das rochas. Paloma bravía

Columba livia

Típica pomba de aldeas, vilas e cidades de orixe

doméstica, probablemente extinta na súa variedade

silvestre. A súa coloración varía enormemente, desde

branca a multicolor; inclúe algúns exemplares con

plumaxe natural. Hai parellas que crían en rochedos,

cantís etc.

11


n Rula. Tórtola europea

Streptopelia turtur

Especie grácil; visitante estival que se reproduce en bosquetes, sebes e ribeiras. Aliméntase de sementes e brotes

de herbas. O abandono do rural, a caza e os cultivos tratados con herbicidas inflúen no declive da especie. O seu

canto é un adorable arrolo típico da primavera.

12


n Pombo torcaz. Paloma torcaz

Columba palumbus

Pomba de gran tamaño e manchas brancas nas ás

e aos lados do pescozo. Aniña nas árbores e come

grans e herba no chan. A poboación nativa aumenta

no inverno coa chegada de bandos migrantes.

n Rula turca. Tórtola turca

Streptopelia decaocto

Especie similar á europea pero de aspecto máis estilizado, cor

gris clara e con medio colar negro nos adultos. É habitual en

contornos rurais humanizados e urbanos. O canto consiste

nun “tu-tu, tú” repetido insistentemente.

n Cuco. Cuco común

Cuculus canorus

Detéctase polo seu coñecido canto “cu-cú”. Ten

hábitos reprodutores baseados no parasitismo, xa

que nin fai niño nin cría os seus pitos. Ocupa toda

clase de ambientes con arboredo onde habitan

as aves que parasita. A súa poboación está en

descenso.

13


n Curuxa. Lechuza común

Tyto alba

Fermosa rapaz nocturna, branca, co dorso dourado e

o rostro en forma de corazón. Asociada a construcións

humanas coma edificios abandonados ou igrexas, que

utiliza de refuxio durante o día ou para a reprodución.

Eficaz depredadora de ratos que viu moi minguadas as

súas poboacións pola desaparición dos seus lugares

de nidificación, o abandono do rural e os atropelos en

estradas. Emite un son moi sonoro e metálico.

n Moucho de orellas. Autillo europeo

Otus scops

A rapaz nocturna máis pequena. Durante o día pasa inadvertida pola súa

camuflaxe mimética, e detéctase nas noites primaverais en arboredos e xardíns

polo seu insistente “piú, piú”. A súa dieta é basicamente insectívora, polo que é

moi sensible ás transformacións do hábitat e ao uso de praguicidas.

n Avelaiona. Cárabo común

Strix aluco

É a máis habitual e estendida rapaz nocturna. De aspecto

robusto, gran cabeza, ollos negros e plumaxe mimética. Trátase

dunha ave forestal que se alimenta de micromamíferos. O seu

son máis característico é un berro queixoso.

14


n Moucho. Mochuelo europeo

Athene noctua

Pequeno e repoludo bufo de carácter solitario, de costumes tanto nocturnos coma diúrnos. Ten a plumaxe de

tons marróns e agrisados profusamente salpicados de branco. É frecuente observalo nos postes dos campos de

cultivo. Aliméntase de insectos e pequenos vertebrados. Produce variedade de reclamos agudos que lembran un

miaño. Especie en declive, non só na provincia de Pontevedra senón en toda Galicia.

15


n Avenoiteira cincenta. Chotacabras europeo

Caprimulgus europaeus

Ave crepuscular propia de zonas de arboredo sen

cobertura de matogueira, de plumaxe críptica e ás e

cola longas. Durante o día permanece no chan oculta

e pola noite caza avelaíñas ao voo. O seu canto é un

“rrurrrrrurrrurr” parecido ao afastado ruído dun motor.

n Cirrio común. Vencejo común

Apus apus

Son as aves máis aéreas, xa que pasan case toda a súa vida

voando. Teñen as ás longas en forma de fouce e cola curta

forcada. Son beneficiosas por comer millóns de insectos. Alegran

as cidades co seu berro “cirrrííí” e as súas acrobacias entre

edificios, en cuxos ocos aniñan. Vense afectadas por restauracións

arquitectónicas non coidadosas e pola nova edificación, que non

lles ofrece cavidades.

n Picapeixe. Martín pescador común

Alcedo atthis

De voo rápido, esta bonita ave de cores metalizadas

é propia de ecosistemas de ribeira. Necesita noiros

areosos para escavar o seu niño. Aliméntase de

animaliños acuáticos aos que axexa desde un

pousadoiro e captura tras un rápido mergullo.

16


n Bubela. Abubilla común

Upupa epops

Ten unha característica crista despregable branca e negra,

bico longo e curvo adaptado á procura de insectos e voo

errático e ondulante. Ocupa formacións abertas. A súa voz

é inconfundible: “bu-bu-bú, bu-bu-bú”.

n Peto formigueiro. Torcecuello euroasiático

Jynx torquilla

Pícido de costumes atípicos, pequeno e de plumaxe

críptica. A base da súa dieta son as formigas, que

atrapa coa lingua. Observable en migración en áreas

abertas con sebes e árbores dispersas.

n Peto real. Pico picapinos

Dendrocopos major

Paxaro carpinteiro de tons intensos e definidos e carácter

solitario. Habita zonas boscosas onde fura as árbores co

seu forte bico. Tamborila na primavera. É maioritariamente

insectívoro, pero tamén consome froitos.

17


n Peto verde. Pito real ibérico

Picus sharpei

É o máis común e estendido paxaro carpinteiro. Destacan o seu

dorso de tonalidades verdosas, o píleo vermello e a bigoteira vermella

nos machos e negra nas femias. A súa presenza recoñécese polo

ganido. É habitual en arboredos ribeiregos, bosques caducifolios e

áreas axardinadas.

n Lagarteiro común. Cernícalo vulgar

Falco tinnunculus

Rapaz de pequeno tamaño con ás afiadas e cola longa.

Presenta o dorso pardo avermellado e a cabeza azulada

no macho. Adoita quedar suspendida no aire mentres

move as súas ás e outea o chan na busca de roedores,

réptiles, anfibios ou insectos en zonas abertas e con

poucas árbores.

n Falcón pequeno. Alcotán europeo

Falco subbuteo

Falcón pequeno escuro, de ás apuntadas e silueta

estilizada. Similar, ao voar, a un gran cirrio. Ten fazula

pálida, bigoteira e ton avermellado na base da cola.

Ocupa zonas de arboredo preto de áreas abertas. A súa

reprodución é tardía.

18


n Falcón peregrino. Halcón peregrino

Falco peregrinus

Falcón vigoroso coas ás apuntadas e a cola

relativamente curta. Ten o dorso e a cabeza

pizarrentos, as partes inferiores claras e

a bigoteira negra. Caza aves mediante

persecucións e picados moi rápidos. Aniña

en cortados, cantís e edificios.

n Picanzo vermello. Alcaudón dorsirrojo

Lanius collurio

Picanzo con cabeza gris cinza e dorso pardo castaño,

anteface, cola longa e bico sutilmente ganchudo.

Habita campiñas con sebes, matogueiras espiñentas

e lindes de bosque. Especie estival que chega tarde

ao noso territorio.

n Ouriolo. Oropéndola europea

Oriolus oriolus

O macho é dun amarelo limón rechamante e a femia de tons

máis verdosos. O seu canto “tiri-oliúú” é curto e afrautado,

propio de soutos ribeiregos e outros tipos de bosque. Esta

especie descendeu sobre todo preto da costa.

19


n Gaio. Arrendajo euroasiático

Garrulus glandarius

Córvido de hábitos forestais e carácter fuxidío. A súa

vistosa plumaxe ten tonalidade parda; posúe cola

negra, o sobrecú branco e os bordos das ás azuis. Nas

nosas áreas arborizadas encóntranse boas densidades.

n Pega. Urraca común

Pica pica

A súa presenza é habitual no contorno urbano e

agrícola. Ten plumaxe pedresa e longa cola con

reflexos verdes e azulados. Desprázase con voos

áxiles e directos. Tanto a súa capacidade para

adaptarse a case todo tipo de ambientes coma

a amplitude da súa dieta proporcionáronlle un

grande éxito.

n Corvo pequeno. Corneja negra

Corvus corone

Córvido de tamaño mediano e cor negra, moi

común na provincia, onde ocupa todo tipo de

hábitats. Posúe unha inxustificada mala fama que

esquece o seu beneficioso papel como controlador

de pragas agrícolas.

20


n Corvo grande. Cuervo grande

Corvus corax

De gran tamaño, plumaxe negra e bico forte.

Voo lento que intercala con longos pairos nos

que destaca a cola longa en cuña. Habita

en varios ambientes con cortados rochosos

onde nidificar. O seu croamento é profundo

e rouco.

n Ferreiriño negro. Carbonero garrapinos

Periparus ater

Insectívoro abundante que prospecta as poliñas e as

follas das copas do arboredo. É característico o seu

parche branco detrás da cabeza. Se non hai troncos

ocos aniña entre raíces en buracos do chan. O seu

canto é un típico “tisú-tisú-tisú”.

n Ferreiriño cristado. Herrerillo capuchino

Lophophanes cristatus

Pequeno insectívoro recoñecible pola súa crista de

plumas. Habita arboredos de coníferas e frondosas. Con

frecuencia mestúrase con outros páridos, gabeadores e

estreliñas, cos que conforma ruidosos bandos mixtos.

21


n Ferreiriño azul. Herrerillo común

Cyanistes caeruleus

Insectívoro forestal, ruidoso e activo, con rechamante

combinación de cores azuis e amarelas. Mostra

preferencia polos bosques caducifolios; tamén está

presente en parques e hortas.

n Ferreiro real. Carbonero común

Parus major

Ave insectívora de cores azuladas, verdosas e

amareladas. Adopta diferentes posturas acróbaticas

cando se alimenta nas ramas. Residente en todo tipo

de arboredo, incluídos parques, xardíns e plantacións

de froiteiras. O seu canto é moi característico: “chi-chipán,

chi-chi-pán”.

n Cotovía pequena. Alondra totovía

Lullula arborea

Especie de laverca con moño reducido e cola curta,

propia de zonas con árbores. Ten un deseño facial

contrastado e unha cella branca que se pecha na caluga.

Canto moi agradable e “melancólico”, que emite ao voar

ou desde unha rama.

22


n Laverca. Alondra común

Alauda arvensis

Aláudido típico de tons pardos e estriado escuro.

De costumes terrestres en zonas desarboradas

e abertas coma dunas, pasteiros ou formacións

de matogueira baixa. Emite un canto longo e

continuado mentres ascende a grande altura. No

inverno recibimos aves norteñas.

n Andoriña das barreiras. Avión zapador

Riparia riparia

Andoriña de cola curta, cor parda e banda no peito. Nidifica

formando colonias en noiros de ríos e graveiras, onde escava

un túnel. Está máis ligada á auga que outros hirundínidos.

As súas colonias son sensibles á destrución debida á acción

humana.

n Andoriña común. Golondrina común

Hirundo rustica

Con gorxa vermella, cabeza e dorso azul metálico e cola forcada que

a fai inconfundible nos seus voos a rentes do chan. Os seus niños

son cuncos de barro en paredes, pontes e alpendres. Do mesmo

xeito que os cirrios e demais hirundínidos, é unha gran cazadora de

insectos; o seu número está en retroceso.

23


n Andoriña do cu branco. Avión común occidental

Delichon urbicum

Similar á andoriña común pero con cola curta, sobrecú e partes inferiores brancas. Tamén constrúe niños con barro,

pero en colonias, nas cornixas e beirados dos edificios. Está en declive pola escaseza de lugares onde atopar barro

para o niño e pola eliminación deliberada e ilegal destes.

24


n Andoriña dos penedos. Avión roquero

Ptyonoprogne rupestris

De tons pardos con lunares brancos na parte ventral da

cola. Especie pouco común que nidifica en rochedos,

pontes, presas e edificacións. Os seus niños parécense

aos da andoriña común. Algúns exemplares invernan

preto da costa.

n Andoriña dáurica. Golondrina dáurica

Cecropis daurica

De costumes máis agrestes que a andoriña común.

Ten a caluga, a cara e o sobrecú alaranxados e a

cola longa e forcada. Crea os niños, en forma de iglú

invertido cun túnel de entrada, en rochedos e pontes.

Especie de recente colonización ligada a novas

infraestruturas viarias.

n Rousinol bravo. Cetia ruiseñor

Cettia cetti

Ave de carácter esquivo e de cor parda que se esconde

entre as marañas arbustivas de ribeira. O seu reclamo

delátaa: unha súbita explosión “cuchí-cuchí-cuchí”.

Especie ben distribuída, cuxo número aumenta no inverno.

25


n Ferreiriño rabilongo. Mito común

Aegithalos caudatus

Paxariño de cola moi longa que forma bandos

familiares inquietos e ruidosos que percorren

as árbores revisando as súas pólas. Fai un niño

precioso, en forma de ovo revestido de liques,

con entrada circular por arriba.

n Picafollas musical. Mosquitero musical

Phylloscopus trochilus

Este paxariño é un migrador posnupcial común,

frecuente en todo tipo de arboredo e zonas

arbustivas. Diferénciase do resto dos picafollas por

ser máis amarelo, coas patas e o bico pálidos (non

negros) e o dorso dun ton verdoso máis brillante.

n Picafollas europeo. Mosquitero común

Phylloscopus collybita

De tonalidade verdosa, é común en zonas

arborizadas e arbustivas onde persegue insectos

nas ramas e voa para capturalos. Tamén se alimenta

de froitos. O seu canto é un inconfundible “chif,

chaf, chif, chaf”.

26


n Picafollas ibérico. Mosquitero ibérico

Phylloscopus ibericus

Paxariño estival que ocupa soutos fluviais, sebes

e salgueiros. Practicamente idéntico ao picafollas

europeo, diferénciase polo seu canto e o seu reclamo:

un “piu” descendente e queixoso. É a única especie de

picafollas reprodutora na provincia.

n Folosa amarela. Zarcero políglota

Hippolais polyglotta

Paxaro pequeno, amarelo-verdoso e fuxudío,

amante da espesura, salvo cando canta no alto

dos arbustos. Desenvolve unha parola rápida, fluída

e monótona. É dos últimos paxaros que chegan

na primavera.

n Carriza dos xuncos. Cistícola buitrón

Cisticola juncidis

Asociada a zonas con carriceiras, xunqueiras e

herbais densos. Debido ao seu pequeno tamaño

resulta máis fácil de detectar polo seu canto “tsip,

tsip, tsip”, que emite mentres voa coa súa típica

traxectoria ondulante.

27


n Papuxa das amoras. Curruca capirotada

Sylvia atricapilla

Fácil de recoñecer polo seu capirote, negro no macho

e marrón na femia. Ocupa zonas frescas e húmidas

con abundante sotobosque. O seu atractivo e fermoso

canto é moi musical. Aumenta o seu número no

inverno.

n Papuxa común. Curruca zarcera

Sylvia communis

Dorso pardo, cabeza gris e gorxa branca. Ten as

partes inferiores esbrancuxadas e rosadas con

paneis pardoavermellados. Típica de mosaicos onde

se alterna a matogueira con prados e pequenas

árbores dispersas.

n Papuxa do mato. Curruca rabilarga

Sylvia undata

Paxariño escuro e de cola longa que se move entre

a vexetación con gran cautela. O seu carácter é

inquieto e fuxidío. É unha ave insectívora residente

en matogueiras de pequeno e mediano porte.

28


n Papuxa cabecinegra. Curruca cabecinegra

Sylvia melanocephala

Papuxa con anel ocular vermello que destaca sobre o

capuchón negro e a gorxa branca. O seu voo é inquieto

e percorre distancias curtas coa cola en abanico. Gusta

de zonas de matogueira e arbustos densos.

n Estreliña riscada. Reyezuelo listado

Regulus ignicapilla

Ave diminuta de tonalidades verdosas, coa cabeza

adornada cunha cella branca marcada, listas negras e

laranxa nos machos ou amarela nas femias. Ocupa ampla

variedade de arboredo.

n Carriza. Chochín paleártico

Troglodytes troglodytes

Diminuta ave que se move na matogueira coma se fose

un rato, coa pequena cola levantada. Difícil de ver pero

recoñecible polo seu potente e explosivo canto. Atópase en

bosques, xardíns, sebes e canaveiras.

29


n Gabeador azul. Trepador azul

Sitta europaea

Paxaro insectívoro, de tons azulados e cola curta. De carácter

inquieto e esquivo, rube por troncos e ramas de árbores. Habita

preferentemente bosques maduros con clima húmido; aniña en

ocos cuxa entrada modifica engadindo barro. Ten un reclamo

con profundos sons curtos: “chuuuiiic”.

n Gabeador común. Agateador europeo

Certhia brachydactyla

Paxariño frecuente en bosques e mesmo en parques.

Aínda que percorre os troncos das árbores na busca de

alimento, pasa inadvertido debido á súa plumaxe críptica.

Detéctase polo seu reclamo de profundos píos.

n Estorniño pinto. Estornino pinto

Sturnus vulgaris

De cor negra con reflexos metálicos verde-azulados,

salpicada de pequenas manchas. No inverno recibimos

un importante continxente de aves de Europa que se

alimentan en grupos. Forman grandes bandos ao chegar

aos seus durmideiros á tardiña, dando todo un espectáculo.

30


n Estorniño negro. Estornino negro

Sturnus unicolor

De cor negra púrpura na primavera, queda salpicado por pintas

abrancazadas no inverno. É difícil de diferenciar do pinto no outono.

Forma bandos ao alimentarse e no durmideiro, ao que acode con

voo rápido e directo. Cría baixo tellas e en troncos ocos.

n Merlo común. Mirlo común

Turdus merula

De mediano tamaño e cola longa, con bico e anel

ocular alaranxados. Común en zonas forestais e

xardíns urbanos, é das primeiras aves que

comezan a cantar, un musical canto que entoa

mesmo antes do amencer.

n Tordo rubio. Zorzal alirrojo

Turdus iliacus

Ave pequena, compacta e de cola curta. Os flancos e a

parte inferior das ás son dun intenso avermellado visible

no voo. Ten unha marcada cella e bigoteira branca. Adoita

moverse en grupos, a miúdo con outros tordos, por

soutos, viñas e bosques.

31


n Tordo común. Zorzal común

Turdus philomelos

De costumes terrestres, é frecuente observalo no chan.

Ten o dorso marrón liso e as partes inferiores claras

con manchas escuras. Consome vermes, insectos e

caracois. Desde as árbores emite un potente canto

afrautado que xa se oe no inverno.

n Tordo charlo. Zorzal charlo

Turdus viscivorus

Tordo grande e corpulento; alongado e ergueito

cando se pousa. Ten un voo rápido e directo

no que se aprecian a súa cola longa e a axila

branca. Atópase en variedade de ambientes

forestais, principalmente carballeiras e piñeirais

do monte con campiña asociada.

n Papamoscas cincento. Papamoscas gris

Muscicapa striata

Ave de coloración agrisada homoxénea no dorso e

esbrancuxada no ventre. Insectívora que captura pequenas

presas ao voar. Na nosa área é unha migradora posnupcial

escasa.

32


n Paporrubio. Petirrojo europeo

Erithacus rubecula

Fácil de identificar grazas á súa mancha laranxa na

cara, no pescozo e no peito. De corpo repoludo, postura

ergueita e actitude confiada. No inverno resulta moi

común en case calquera ambiente, tamén en parques

e xardíns. Adoita deixarse ver en arbustos ou no chan

mentres busca insectos. O seu canto “melancólico”

tamén se oe nos días fríos.

n Papamoscas negro. Papamoscas cerrojillo

Ficedula hypoleuca

Durante o paso migratorio, que comeza en setembro, é

frecuente en diversos hábitats, desde bosques pechados ata

xardíns. É de cor parda clara no dorso, branca ocre nas partes

inferiores, e ten unha mancha branca nas ás. Ave migradora

común en paso posnupcial e moi rara no prenupcial.

n Rabirrubio. Colirrojo tizón

Phoenicurus ochruros

Preciosa ave negra de cola vermella e mancha branca

nas súas ás. De carácter solitario, atópase asociada a

rochedos e terreos despexados, secos e pedregosos,

tamén en zonas urbanas e no contorno rural.

33


n Chasco norteño. Tarabilla norteña

Saxicola rubetra

Paxaro pequeno e compacto. Similar ao chasco, pero cunha

marcada cella branca e sen sobrecú branco. Ten preferencia

por zonas abertas coma pasteiros, queirogais e sebes

arbustivos. É un migrante prenupcial moi raro e posnupcial

común.

n Chasco. Tarabilla europea

Saxicola rubicola

Pequeno e repoludo, os machos presentan cabeza negra,

peito alaranxado e sobrecú branco. Ligado a zonas abertas, é

habitual observalo na parte alta dunha mata axitando de forma

nerviosa as ás e a cola.

34

n Pedreiro cincento. Collalba gris

Oenanthe oenanthe

De aspecto elegante e cunha cola branca rechamante que finaliza

nun “T” negro invertido. Aliméntase no chan e adoita pousarse

ergueita en promontorios do terreo. Habitante de espazos abertos

coma pasteiros, rochedos, zonas de matogueira baixa, dunas etc.

Migradora principalmente posnupcial.


n Merlo rieiro. Mirlo acuático

Cinclus cinclus

Ave repoluda de mediano tamaño, con cola curta e

babeiro branco. Ligada a ríos de corrente rápida e en

bo estado ambiental: libres, limpos e tranquilos, onde

abundan pequenos invertebrados acuáticos.

n Pardal. Gorrión común

Passer domesticus

Coñecido e familiar das nosas aldeas, vilas e

cidades. Os machos teñen boina gris e babeiro

negro; as femias e os exemplares novos son

pardos. Seguen unha dieta baseada en grans

e restos de comida. É unha das nosas aves

máis comúns, que viu moi minguadas as súas

poboacións nos últimos anos.

inm.

n Azulenta. Acentor común

Prunella modularis

Paxaro discreto, de plumaxe escura, bico fino e

puntiagudo. De comportamento fuxidío, gústalle moverse

por diversos ambientes entre a vexetación baixa. Come

sementes e insectos. O seu número aumenta no inverno.

35


n Pardal montés. Gorrión molinero

Passer montanus

Gorrión pequeno e delicado, máis ligado a ambientes silvestres que o pardal. Ten unha carapucha acastañada e

unha rechamante mancha negra sobre a fazula branca. Habita campiñas arborizadas e soutos con áreas abertas

nas que obter alimento. Os seus exemplares están nun descenso moi acusado.

36


n Lavandeira amarela. Lavandera boyera

Motacilla flava

Ave de tons amarelos e verdosos. A subespecie

ibérica ten a cabeza agrisada, unha marcada

cella branca e a gorxa da mesma cor. Ligada a

zonas abertas húmidas coma prados, pasteiros

encharcados e áreas palustres.

n Lavandeira real. Lavandera cascadeña

Motacilla cinerea

É a lavandeira máis esvelta e fluvial. De cola moi

longa, que balancea continuamente, e tons grises

e amarelos. Localizable en cursos de auga coma

arroios e regatos, e no inverno tamén nas costas.

n Lavandeira branca. Lavandera blanca

Motacilla alba

ver.

Ave moi común que presenta unha plumaxe

contrastada en branco e negro. Move a súa cola

continuamente mentres captura insectos no chan.

Forma durmideiros de miles de individuos nas árbores

durante o outono e o inverno.

inv.

37


n Pica campestre. Bisbita campestre

Anthus campestris

Especie reprodutora moi escasa nos altos das

serras da Dorsal galega. Ten aspecto de lavandeira

e coloración clara e lisa. Móvese solitaria e anda polo

chan. Ocupa zonas de vexetación aberta ou dispersa

e ambientes secos.

n Pica dos prados. Bisbita pratense

Anthus pratensis

De plumaxe listada con cores discretas que a mimetizan

co chan e hábitos terrestres e gregarios. Ten preferencia

polas campiñas húmidas, polas que se move polo chan

entre a vexetación. Adoita reunirse en pequenos bandos

que se disgregan con facilidade.

38

n Pica das árbores. Bisbita arbóreo

Anthus trivialis

Ten preferencia por pousadeiros destacados en árbores e

arbustos, desde onde emite o seu potente e melodioso

canto. Co dorso pardo moi estriado, ventre claro raiado,

con fondo alaranxado no peito e nos flancos. O seu hábitat

son campiñas con pastos e árbores dispersas, ademais de

bosques aclarados.


n Pica alpina. Bisbita alpino

Anthus spinoletta

Coas partes superiores de cor parda gris lixeiramente

estriadas, bigoteira negra e patas e bico escuros. Adoita

observarse en solitario, xeralmente no chan. Ocupa

lugares húmidos de vales e chairas ao nivel do mar,

prados húmidos, beiras de charcas e encoros.

n Pimpín común. Pinzón vulgar

Fringilla coelebs

O macho ten o ventre, o peito e as fazulas de ton

salmón e a caluga e o píleo grises-azulados. Atópase

en paisaxes máis ou menos arborizadas e en parques

e, no inverno, en campos de cultivo. Coa chegada do

frío agrúpase en bandos con outros paseriformes, e

recíbense pimpíns doutras rexións de Europa. Ten un

canto moi característico e potente.

n Cardeal. Camachuelo común

Pyrrhula pyrrhula

Ave forestal fácil de recoñecer polo seu vermello

intenso no peito e nas fazulas e boina negra. Ao voar

destaca o sobrecú branco. É frecuente en bosques

de frondosas caducifolias, formacións de ribeira ou

mosaico en campiñas. Emite un reclamo simple, un

agudo e profundo “buiiii”.

39


n Verderolo. Verderón común

Chloris chloris

Podería describirse como un “pardal verde”. Presenta

aspecto compacto, bico robusto e plumaxe verdosa

con manchas amarelas nas ás e na cola. Cría en

arbustos e árbores. É propio de parques e campiña

agrícola.

n Liñaceiro. Pardillo común

Linaria cannabina

Macho con fronte e peito vermellos na primavera;

femia listada. De carácter gregario, adoita formar

bandos, moitas veces con outras especies

granívoras. Aniña en zonas baixas de árbores e

arbustos en ambientes abertos.

n Xílgaro. Jilguero europeo

Carduelis carduelis

Ave de plumaxe vistosa cunha careta vermella. No

inverno forma grupos que se pousan en cardos para

alimentarse das súas sementes, en ocasións en bandos

mixtos con outros frinxílidos. É unha das aves que máis

se captura ilegalmente para ser engaiolada polo seu

precioso canto.

40


n Xirín. Serín verdecillo

Serinus serinus

Ave amarelada pequena e co bico curto; a femia é máis

gris e listada que o macho. Abunda todo o ano en parques,

xardíns, hortas ou cultivos. O seu canto lembra o son de

fritir. Fóra da época de cría forma bandos mixtos con

outros frinxílidos.

n Úbalo. Jilguero lúgano

Spinus spinus

É acrobático e de pequeno tamaño, con manchas

amarelas no corpo e capirote e gorxa negros nos

machos. Móvese en bandos, e ocupa principalmente

formacións de ribeira con amieiros e olmos. Varía

bastante o número de exemplares segundo os invernos.

n Trigueirón. Escribano triguero

Emberiza calandra

Paxaro voluminoso de tons terrosos, co peito claro con listas

e bico forte. Ocupa medios abertos e agrícolas e outras

formacións despexadas ou pouco arborizadas, sempre con

pousadeiros. Moi cantadeiro, repite incansablemente un trilo

característico.

41


n Escribenta amarela. Escribano cerillo

Emberiza citrinella

O macho ten a cabeza e o ventre amarelos brillantes,

cun anteface de tres bandas e o peito e o sobrecú

avermellados. Habita campiñas que alternan sebes

vivos con prados, bosquetes e matogueiras. O seu canto

é unha secuencia moi rápida: “sri-sri-sri-sri, siii-suuu”.

n Escribenta riscada. Escribano montesino

Emberiza cia

Loce tres listas escuras sobre a cabeza agrisada, que

se estende ao peito e á caluga. O resto do corpo ten

tons pardos ou avermellados. Instálase en todo tipo de

áreas crebadas e montañas, con ladeiras pedregosas,

matogueiras dispersas e arboredo aclarado.

n Escribenta común. Escribano soteño

Emberiza cirlus

Habitante de lindeiros de cultivos, soutos e hortas.

O macho reprodutor loce un rechamante babeiro

negro na gorxa e un anteface da mesma cor, entre

franxas amarelas. O seu canto é monótono, coma o

son dun tambor.

42


De todos os espazos considerados de alto valor ambiental dentro

da provincia, destacamos aquí algunhas áreas do interior nas que

as aves son as protagonistas, motivo polo que están protexidas

por diferentes figuras: Rede Natura 2000 ou Zonas de Especial

Protección dos Valores Naturais.


Brañas de Xestoso e serra do Candán

(Forcarei, Silleda, A Estrada e Lalín)

As brañas de Xestoso, ao nordés da provincia de Pontevedra, son un lugar máxico que conta cunha

singular flora e fauna. Ademais, son unha estupenda representación das serras baixas interiores

da provincia de Pontevedra, con diferentes e valiosos ecosistemas coma brañas, prados húmidos,

turbeiras, matogueira baixa ou carballeiras.

ESPECIES MÁIS DESTACADAS

Xa na primavera se observan e escoitan os alegres cantos da escribenta amarela e riscada, a

laverca, o trigueirón ou especies migratorias procedentes de África: o paspallás e a lavandeira

marela nos seus prados, o picanzo vermello e a bubela nos lindes ou a pica das árbores nas copas

das árbores. Xestoso tamén é estupendo para observar aves tan fermosas coma o falcón peregrino,

a gatafornela e a tartaraña cincenta (desta última abunda a particular fase escura).

Preto de Xestoso, a serra do Candán combina espazos abertos de queirogais e toxeiras de media

montaña intercalados con praderías, fragas e bosques de galería nas ribeiras dos ríos.

ESPECIES MÁIS DESTACADAS

Entre finais de abril e setembro, nas zonas altas da serra, sentiremos a emoción de atopar a aguia

cobreira, o miñato abelleiro, a tartaraña cincenta, a gatafornela, o lagarteiro común ou o miñato.

Ademais, o picanzo vermello, a laverca, a perdiz, o paspallás ou a papuxa do mato forman parte

da paisaxe. Os bosques ribeiregos aloxan o merlo rieiro, o cardeal, o picafollas ibérico, o gabeador

común ou a estreliña riscada.

44


Serra do Cando e serra do Suído

(A Lama, Fornelos de Montes, Covelo, Cerdedo-Cotobade e Forcarei)

Altos e duros sistemas montañosos situados no oriente pontevedrés, berce de múltiples torrentes

e ríos, e míticos pola presenza do lobo ibérico e o voitre común. Caracterízanse por altiplanicies

nas que abundan pasteiros e vexetación de breixos, toxos e carqueixas. As partes máis baixas das

serras abren paso a vales, cursos de auga e bosques autóctonos ben conservados.

ESPECIES MÁIS DESTACADAS

Na primavera e no verán os seus cumes elevados son ideais para grandes rapaces coma o

espectacular voitre común, ademais da aguia calzada e o miñato abelleiro. Sobre as suaves ladeiras

de monte raso viven a tartaraña cincenta e a gatafornela. Tamén é territorio do falcón pequeno, o

cirrio común, o picanzo vermello, a escribenta riscada ou o tordo charlo. Nos tramos fluviais e de

arboredo frondoso encóntranse a lavandeira real, o merlo rieiro, o gabeador azul, o cuco, o gaio, o

ferreiriño rabilongo e unha infinidade de aves que animarán a xornada.

45


Parque Natural Monte Aloia (Tui)

Ao sur da serra do Galiñeiro atópase o monte Aloia, primeiro Parque Natural de Galicia, declarado

como tal en 1978. Hoxe é unha área recreativa con sendeiros e regatos que discorren entre árbores

caducifolias autóctonas, bosquetes de ribeira e antigas repoboacións de arboredo exótico.

ESPECIES MÁIS DESTACADAS

Veremos principalmente páridos coma o ferreiriño rabilongo, o ferreiriño azul ou o ferreiriño

negro. Tamén a estreliña riscada, o picafollas europeo, o pimpín común, o peto verde e demais

paseriformes ligados a este tipo de espazos arbóreos.

46


Encoro de Eiras e carballeiras do Barragán

(Fornelos de Montes, Ponte Caldelas e Pazos de Borbén)

Este humidal do interior da provincia, que aproveita a canle dos ríos Oitavén e Verdugo, está rodeado

de árbores autóctonas que acollen unha variada comunidade de paxariños; a súa lámina de auga e

as súas beiras atraen aves asociadas ao medio acuático. Tamén en prados, fragas ben conservadas

e ríos do contorno poden ser moi interesantes as observacións ornitolóxicas.

ESPECIES MÁIS DESTACADAS

Nos Quercus robur das ribeiras do encoro buscaremos o picafollas europeo, o gabeador azul, o

tordo común ou o ouriolo. As beiras poden acubillar a garza real, o corvo mariño grande, o lavanco,

o picapeixe ou a lavandeira real. Aves rapaces coma a aguia pescadora ou o miñato abelleiro poden

frecuentar a zona. Prestaremos atención aos ríos de augas limpas que atravesan carballeiras porque

os pode sobrevoar o merlo rieiro, e nos prados circundantes rodeados de muretes é fácil observar

o tordo charlo, a pica dos prados, a escribenta riscada ou o moucho.

47


NOTAS

48 48



Hooray! Your file is uploaded and ready to be published.

Saved successfully!

Ooh no, something went wrong!